Saturday 18 de May de 2024

A Xunta asina un memorando coa FAO para desenvolver proxectos de cooperación técnica e formativa no sector agrícola e pesqueiro en beneficio de países menos desenvolvidos


Salienta que este acordo prolonga a colaboración iniciada entre ambas as dúas entidades no ano 2008 e dá continuidade ao que xa subscribiron en 2010 con fins similares

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asinou un memorando co secretario xeral da FAO, José Graziano da Silva, para desenvolver proxectos de cooperación técnica e formativa no sector agrícola e marítimo pesqueiro en beneficio de países menos desenvolvidos.

O mandatario galego salientou que este acordo prolonga a colaboración iniciada entre ambas as dúas entidades no ano 2008 e dá continuidade ao acordo que xa subscribiron en 2010 con fins similares. Do mesmo xeito, fixo alusión a outro acordo mais que desde España se asinou para a cooperación no desenvolvemento da agricultura, da pesca e da alimentación hai unha década. Na sinatura tamén estiveron presentes o embaixador representante permanente e o representante permanente adxunto de España ante a FAO, Francisco Javier Elorza e Santiago Menéndez de Luarca, respectivamente, así como o secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro.

Feijóo explicou que o documento rubricado hoxe expresa a vontade da Xunta e da FAO de seguir colaborando para poñer en marcha programas conxuntos en ámbitos como a agricultura, a actividade marítimo pesqueira, a seguridade alimentaria ou o desenvolvemento da economía rural e costeira de países en vías de desenvolvemento.

Segundo precisou, en virtude deste acordo, a Xunta comprométese a prestar o seu coñecemento e experiencia neste terreo. E, ademais, a promover e organizar iniciativas e eventos destinados a sensibilizar a opinión pública sobre asuntos como a seguridade alimentaria ou a loita contra a fame e a pobreza, especialmente a través de actividades educativas nas escolas.

Colaboración específica no eido marítimo pesqueiro
De xeito máis concreto, indicou que este memorando establece tres asuntos concretos nos que ambos os dous departamentos xa empezaron a traballar para definir o seu contido. O primeiro deles é a elaboración dun rexistro mundial da flota pesqueira; para o que a Xunta, a través do Rexistro de buques de Galicia, achegará os datos precisos ao sistema establecido pola FAO.

O segundo punto refírese á colaboración para a ordenación da acuicultura en Sudamérica; e, para iso, expertos da Consellería do Medio Rural e do Mar compartirán a súa formación e experiencias co departamento de acuicultura da FAO. E o terceiro contempla a definición dunha estrutura público-privada para asesoramento en desenvolvemento pesqueiro en terceiros países. Con respecto a isto, Feijóo puxo en valor a experiencia de Galicia en materia de pesca e subliñou que nos maiores caladoiros do mundo hai barcos galegos. Neste senso, fixo fincapé na necesidade de fomentar unha pesca sostible, de promover a racionalidade das capturas e a utilización correcta das artes de pesca para manter os caladoiros e, con eles, o futuro.

Por último, o titular da Xunta valorou a celebración en Vigo do 20 aniversario do Código de Conduta para a Pesca Responsable como unha aposta por parte da FAO pola cidade olívica e por Galicia e España, algo que quixo agradecer en nome de todos os galegos a Graziano da Silva.